Saturday 11 de May de 2024

Medio Ambiente presenta unha nova plataforma web para que a cidadanía comparta e coñeza as paisaxes de Galicia


A directora do Instituto de Estudos do Territorio, Inés Santé, presentou esta nova ferramenta, destinada a poñer en valor as paisaxes de Galicia e a proporcionar información útil para a xestión das mesmas

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio vén de presentar unha nova plataforma web para que a cidadanía comparta e coñeza as paisaxes de Galicia. A directora do Instituto de Estudos do Territorio, Inés Santé, presentou hoxe en rolda de prensa os detalles desta iniciativa, destinada a poñer en valor as paisaxes galegas e a proporcionar información útil para a xestión da paisaxe.

A través desta nova ferramenta, que xa está dispoñible dende hoxe no seguinte enlace http://mapas.xunta.gal/visores/imaxespaisaxe/, a cidadanía poderá ver e localizar fotografías da paisaxe, tanto actuais como pasadas, e tamén aportar a súa propia visión e perspectiva, enviando e compartindo as súas propias fotografías. “Trátase dun sistema de información xeográfica voluntaria e de participación, que consiste en utilizar a web para recoller, catalogar, indexar e distribuír información xeográfica proporcionada voluntariamente”, subliñou Santé.

Esta plataforma, que pretende converterse nun espazo virtual e visual de colaboración, ten un dobre obxectivo: por un lado, a visualización de fotografías de paisaxes de Galicia, nas que o usuario pode identificar o ámbito xeográfico dende o que foi tomada a imaxe e, por outra banda, a participación cidadá a través do envío de fotografías para a súa incorporación ao sistema, así como da valoración e caracterización das paisaxes representadas.

Así, a aplicación permite dun xeito sinxelo, dende un ordenador ou dispositivo móbil, preparar un documento para que calquera persoa poida achegar as fotografías. Mediante un formulario o usuario pode crear un documento, o cal, acompañado da fotografía, remítese á páxina web.

Con esta nova ferramenta crearase un sistema de información gráfica e documental sobre a paisaxe galega. “Isto resultará de gran utilidade para a xestión e planificación da paisaxe, xa que facilitará a análise das dinámicas paisaxísticas e das causas que deron lugar aos diferentes tipos de paisaxe” destacou a directora do Instituto de Estudos do Territorio. “O obxectivo é que a xente envíe non só imaxes actuais, senón tamén fotografías históricas, o que permitirá facer unha comparación e analizar as transformacións da paisaxe”, abundou.

Entre os obxectivos desta nova plataforma, tamén se atopa a identificación de lugares de especial interese a protexer ou ámbitos degradados, nos que levar a cabo actuacións de recuperación e mellora. Ao respecto, Santé recordou que se trata dunha plataforma interactiva na que o usuario pode indicar o principal valor que, na súa opinión, posúe a paisaxe representada na fotografía e, a partir destes datos, poderase analizar o carácter e os valores paisaxísticos de cada unidade de paisaxe.

Deste xeito, as achegas da cidadanía contribuirán a unha mellor xestión da paisaxe, facendo participe á sociedade na elaboración e planificación da mesma. En resumo, “non só se trata dun sistema gráfico sobre a paisaxe, senón que tamén proporcionará datos para a análise da evolución histórica e o seguimento das dinámicas paisaxísticas actuais” subliñou Santé, quen animou a toda a cidadanía a participar nesta nova plataforma e a incrementar o número de fotografías que, polo momento, ascenden a trescentas, pero que se agarda chegar a moitas máis a través da participación cidadá.